Tim Berners-Lee
O arquitecto da web
Londres, Reino Unido, 1955
Timothy John Berners-Lee, fillo dun matrimonio de matemáticos que fixeron parte do equipo que construíu o Manchester Mark I, gradouse en física no Queen's College da Universidade de Oxford en 1976 e comezou a traballar no Consello Europeo para a Investigación Nuclear (CERN) en 1980. O CERN era o nodo de Internet máis grande de Europa e tiña a necesidade de distribuír e intercambiar información sobre as súas investigacións dun xeito máis efectivo. Para dar conta desa necesidade probáronse varias técnicas de redes para conectarse a Internet e estandarizar os protocolos de conexión TCP/IP. Daquela Internet era un arquipélago de computadores inconexos, non se podía pasar dunha dirección a outra usando unha ligazón e non existían os buscadores.
Nese mesmo ano, Berners-Lee propuxo ao CERN utilizar un sistema de comunicación baseado no hipertexto para lograr canalizar o fluxo de información. As súas pescudas orientábanse a combinar dúas tecnoloxías xa existentes: o hipertexto e o protocolo de comunicacións de Internet (TCP/IP). En 1990, Tim Berners-Lee puxo en marcha un sistema de hipertexto chamado Enquire que permitía almacenar pezas de información e conectalas e que se executaba nunha contorna multiusuario que permitía acceder á información a varias persoas á vez. Coa axuda de Robert Cailliau, creou a HTML, ou linguaxe de etiquetas de hipertexto, que permitía almacenar pezas de información e conectalas.
Así, a World Wide Web, ideada por Berners-Lee, combinou o uso da HTML (linguaxe de marcado de hipertexto), o protocolo HTTP e o sistema de localización de obxectos URL. Este primeiro programa visualizador para un servidor e cliente, orixe da World Wide Web, fíxose público en agosto de 1991.
En 1994, Berners-Lee entrou no Laboratorio de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts e fundou o Consorcio World Wide Web (W3C), un organismo internacional para estandarizar as tecnoloxías web. O W3C decidirá que todos os seus estándares se puidesen utilizar libremente, sen custo ningún, feito que favoreceu a rápida expansión da web. De acordo cos datos de 2015, case 3.200 millóns de persoas, o 40% da poboación mundial, ten acceso a Internet.