Mitchell Baker
A impulsora de Mozilla
Oakland, California, EEUU, 1957
Winifred Mitchell Baker comezou a súa andaina académica no ámbito das humanidades, licenciándose en 1979 na especialidade de Estudos Asiáticos na Universidade de California. Despois orientase cara aos estudos xurídicos na prestixiosa Boalt Hall School of Law de Berkley. Entre 1990 e 1993 exerceu como consultora xurídica de empresas de tecnolóxicas de vangarda como Sun Microsystems, para incorporarse, en 1994, ao departamento legal de Netscape Communications Corporation. Alí responsabilizarase das políticas de protección da propiedade intelectual e será asemade a promotora do grupo tecnolóxico do departamento legal. En 1999, Baker convertése en directora xeral da división de Netscape e traballou na definición da Mozilla Public License, un fito na historia do software de código aberto, grazas á cal nacería o popular navegador Firefox.
En 2001 será contratada pola Open Source Applications Foundation, unha organización sen ánimo de lucro impulsada por Mitch Kapor para divulgar o software libre e software de código aberto. Dous anos despois, en 2003, participa na creación da Fundación Mozilla, unha organización sen ánimo de lucro adicada á creación de software libre a través da colaboración desinteresada de persoas, colectivos e empresas para desenvolver código dun modo mancomunado e crear novos produtos en código aberto, respectando sempre a portabilidade e a interacción do software en múltiples plataformas.
Baker resume así a misión da Fundación: «Converter Mozilla nunha organización non lucrativa polo ben común. Nós vemos Firefox como un ben de dominio público e xestionámolo polo ben común. Non o contemplamos como unha ferramenta comercial para enriquecer aos nosos accionistas». Ademais Baker foi presidenta e directora executiva da Corporación Mozilla, unha empresa nacida ao abeiro da Fundación Mozilla que está centrada no desenvolvemento das aplicacións de Internet como o navegador Mozilla Firefox ou o cliente de correo electrónico Mozilla Thunderbird. En 2008, anunciouse que, a causa do seu crecemento dentro de Mozilla, Baker pasaría a asumir a presidencia da Fundación e que John Lilly sería o novo director xeral da Corporación Mozilla.
A revista Times sinalou a Mitchell Baker como unha das 100 persoas máis influentes no eido da ciencia e o pensamento. Emprendedora incansable e cunha gran capacidade innovadora, Baker defende os ideais dunha Internet libre e aberta para que as persoas poidamos manter o control da nosa propia vida na Rede, liberándoa da sobreexplotación comercial e dos controis empresariais. Amais, a Mitchell Baker gústalle lembrar tamén que é unha habelenciosa trapecista.