Saltar a contenido
Mark Zuckerberg

Mark Zuckerberg

O editor dos «likes»

Nova York, EEUU, 1984

O creador de Facebook Mark Elliot Zuckerberg salienta xa na secundaria en matemáticas, astronomía e física e iníciase no mundo da programación desenvolvendo xogos e ferramentas de comunicación, como un programa de mensaxería ao que chamou Zucknet. O seu pai ensináralle programación básica para Atari e mesmo contratou ao desenvolvedor de software David Newman como o seu titor privado. Só con 18 anos Zuckerberg lanza, xunto co seu amigo Adam D'Angelo, Synapse Media Player, un programa de reprodución de música a partir de escolmas previas do usuario.

En 2003, ingresa na Universidade de Harvard en 2003, onde fai estudos de Psicoloxía e Ciencias da Computación. En Harvard, Zuckerberg creou un programa chamado CourseMatch que permitía aos estudantes acceder á lista de compañeiros de clase e que transformaría despois nun sitio web, Facemash, no que se podía cualificar a apariencia dos compañeiros a partir dunha selección de fotos.

A comezos de 2004, os irmáns Cameron e Tyler Winklevoss e Divya Narendra pediron a Zuckerberg que lles axudase a desenvolver a programación de HarvardConnection, un directorio web para o uso de todos os integrantes das fraternidades estudantis até daquela esparexidos por diversos anuarios impresos (en inglés, facebooks). Zuckerberg colabora con eles no proxecto e, en paralelo, desenvolve un propio: Thefacebook, unha ferramenta ideada para crear unha rede de conexión entre os estudantes da Universidade de Harvard. Os irmáns Winklevoss e Narendra demandarán a Zuckerberg acusándoo de plaxiar o seu proxecto.

Zuckerberg deixa a Universidade no segundo curso para concentrarse na mellora do seu proxecto. En 2004, Sexan Parker, creador de Napster (un servizo de distribución de arquivos de música en formato MP3), soubo de Thefacebook. Parker era accionista dunha das redes sociais máis populares daquela, (Friendster), e intuíu que Thefacebook tiña un grandísimo potencial. Acordou a súa incorporación ao proxecto de Zuckerberg e rebautizárono como Facebook.

A idea de crear unha comunidade baseada na web a partir de centros de interese comúns xa fora adiantada por David Bohnett, creador de Geocities, a finais da década de 1980. Pero o éxito de Facebook superou todas as expectativas: en só dúas semanas, dous terzos dos estudantes de Harvard adheríronse a Facebook e rapidamente sumáronse outras trinta universidades estadounidenses e varios centros de ensinanza secundaria.

En 2006 Facebook permitirá o rexistro de calquera usuario da Internet a través do seu mail e, en 2007, a rede social enriquecerase con novas funcións, como unha gran plataforma para construír aplicacións dentro da rede social. Axiña acadará 30 millóns de usuarios trala súa aparición en novas linguas (español, francés, alemán...). Nese momento, Zuckerberg vende o 1'6% de Facebook a Microsoft por 240 millóns de dólares, estimándose o seu valor total en 15.000 millóns de dólares. Catro anos máis tarde, a plataforma contará con máis 800 millóns de usuarios.

En 2012, Facebook adquiriu a rede social de fotografía Instagram por 1.000 millónsd de dólares e comezará a cotizar na Bolsa. En 2013, presenta o novo deseño de Facebook e dunha ferramenta propia de busca dos seus contidos. Cando en 2014 a rede social fai dez anos, suma xa 1.200 millóns de usuarios únicos por mes e redondea o seu posicionamento existoso no mercado comprando WhatsApp, a aplicación de mensaxería instantánea, por 16.000 millóns de dólares.