Dennis Ritchie
O deseñador do ADN da informática
Bronxville, Nova York, EEUU, 1941 - Nova Jersey, EEUU, 2011
É case unánime a opinión que sinala que as achegas de Dennis MacAlistair Ritchie foron claves no desenvolvemento da revolución tecnolóxica das últimas décadas por ser quen deseñou e desenvolveu a linguaxe de programación C e o sistema operativo UNIX, dúas pezas consideradas os alicerces da informática moderna. Hai moitas voces que consideran C e UNIX como o ADN da maioría do software e dos sistemas operativos que usamos na actualidade.
Ritchie graduouse en física na Universidade de Harvard en 1963 e, en 1968, fixo un doutoramento de matemáticas aplicadas nesa mesma universidade. Ingresara o ano anterior no Centro de Investigación para Ciencias da Computación dos Laboratorios Bell da AT&T, onde o seu pai era un dos investigadores de referencia. En Bell participará nos equipos que desenvolverán o sistema operativo Multics e a linguaxe de programación B.
Entre 1969 e 1975, Ritchie traballa na linguaxe de programación C, un das linguaxes máis populares para crear software de sistemas (aínda que se utiliza tamén para crear aplicacións) e unha das que máis influíu no desenvolvemento doutras linguaxes máis modernas como Java, C++, Python e Ruby.
En 1969, Ritchie comeza tamén o deseño dun novo sistema operativo ao redor do que se puidese construír unha comunidade e unha comunicación a través de accesos remotos. O resultado do traballo de Dennis Ritchie, Ken Thompson e Douglas McIlroy foi UNIX, un sistema operativo portable, multitarea e multiusuario considerado o sistema operativo máis importante na historia da computación. Na actualidade case todos os servidores que aloxan as webs corren en UNIX. Sen UNIX non existirían nin GNU/Linux nin Mac OS, nin Android ou iOS.
En 1990 Ritchie foi nomeado xefe do Departamento de investigación de Software no Centro de Investigación dos Laboratorios Bell e iniciará, en 1996, o desenvolvemento dun novo sistema operativo, Plan 9 e Inferno, sucesores de UNIX, así como a linguaxe de programación Limbo. Tras deixar Bell, Ritchie pasou a ser xefe do departamento de investigación de software de Alcatel-Lucent, cargo que ocupará até a súa xubilación en 2007.