Charles Babbage
O pai dos computadores
Teignmouth, Devonshire, Reino Unido, 1792 - Londres, Reino Unido, 1871
Nacido no seo dunha familia acomodada, Charles Babbage recibiu unha educación selecta e axiña evidenciou un grande interese polas matemáticas e a mecánica práctica. Fará estudos superiores no Trinity College e ocupará a cátedra de matemáticas da Universidade de Cambridge entre 1828 e 1839.
Babbage teimará en como construír unha máquina para facer cálculos de xeito automático, eliminando erros debidos á fatiga ou ao desleixo das persoas encargadas de compilar as táboas matemáticas. Con esa finalidade deseñou, en 1822, a que chamou a Máquina Diferencial, un enxeño que permitía recompilar e imprimir táboas matemáticas. O seu funcionamento aritmético era limitado, por iso en 1833 melloraríao permitindo calcular e imprimir con gran precisión logaritmos.
Despois de diseñar a Máquina Diferencial, Baggage decatouse de que se podía construír una máquina para facer cálculos máis xerais. Así, entre 1833 e 1842, dedicarase ao deseño da Máquina Analítica, un procesador mecánico de secuencias aritméticas. A Máquina Analítica integraría todos os compoñentes esenciais dunha computadora moderna (dispositivo de entrada, memoria, unidade central de procesamento e impresora) e entendería o concepto de programa como instrucións básicas que se introducen na máquina de maneira independente dos datos.
Babbage inspirouse nun tear de J.M. Jacquard, que usaba cartóns perforados para trazar o deseño dos tecidos, e adaptouno para calcular funcións analíticas empregando diferentes tipos de tarxetas perforadas: unhas para operacións aritméticas, outras para constantes numéricas e outras para operacións de almacenamento, recuperación de datos da memoria e transferencia de datos entre a unidade de procesamento aritmético e a memoria. A máquina analítica de Baggage posuía unha memoria capaz de almacenar 1.000 números de 50 díxitos cada un, aproximadamente 20.7 kB. A saída de datos realizábase por medio dunha impresora e un equipo de debuxo.
En 1840 Charles Babbage deu unha conferencia en Turín sobre a Máquina Analítica sobre a que Luigi Menabrea, un enxeñeiro militar, escribiría un influente artigo que sería vertido ao inglés por Ada Lovelace quen o enriquecerá cunha serie de notas onde desenvolvía a idea dun algoritmo codificado para facer operacións trigonométricas.
Problemas técnicos e a oposición da Asociación Británica para o Avance da Ciencia impediron que a Máquina Analítica de Babbage chegase a ser construída; aínda así é considerada a primeira computadora da historia e haberá que agardar case un século para poder dispoñer de computadores que fosen lóxicamente comparables (cando George Stibitz, de Bell Laboratories, ou Howard Aiken, da Universidade de Harvard, deron cabo dos primeiros computadores electromagnéticos na década dos anos corenta do pasado século).
Charles Babbage é por iso recoñecido como o pai dos computadores, pero ademais salientou como criptógrafo e enxeñoso inventor a quen lle debemos, por exemplo, o dinamómetro, o oftalmoscopio, o velocímetro ou a idea do franqueo postal.