Ana María Prieto
A primeira programadora galega
Santiago de Compostela, 1942
A Ana María Prieto López gústalle presentarse como «a pioneira en Galicia en programación informática». Engaiolábanlle as matemáticas, pero comezou a carreira de Farmacia en Madrid por consello familiar. Non se sente a gusto cos estudos e procura un traballo máis innovador que a leva a facer un curso de informática na compañía Bull General Electric en Madrid.
Bull contrátaa como operadora, o que lle permite avanzar os seus coñecementos en informática de xeito autodidácta e, despois de facer un curso de COBOL, a convertirse en 1963 na primeira muller programadora da empresa e na primeira galega en programar computadores.
Como ás outras pioneiras en programación, non lle foi doado facerse un oco nun mundo laboral masculino. Nalgunha entrevista confesa que se sentía como unha intrusa e expresa a rabia que lle producía que lle aconsellasen buscar un traballo como secretaria.
En 1969, incorporase como programadora ao centro de cálculo da Caixa de Aforros de Santiago, onde traballou até 1973.
Dos seus primeiros anos como programadora lembra a estrañeza dos seus amigos e parentes respecto do seu traballo entre computadoras e recoñece que nos anos sesenta, usando daquela ordenadores xigantescos de máis de 40 metros cadrados como os Phillips e IBM, ninguén se imaxinaba a revolución das TIC nin nada semellante aos actuais portátiles, tabletas ou móbiles, xa que aínda tardaría máis dunha década en xeneralizarse o uso dos microordenadores.
Na actualidade, problemas na vista téñena afastada das pantallas, pero, xubilada hai anos, mata o tempo resolvendo encrucillados e autodefinidos. Vive felizmente á marxe do estourido de Internet e as redes sociais e só atende a un teléfono móbil para poder manter o contacto cos seus fillos.