Alan Turing
O xenio dos computadores
Londres, Reino Unido, 1912 – Wilmslow, Cheshire, Reino Unido, 1954
Matemático, criptógrafo, filósofo e corredor de maratóns, Alan Mathison Turing está considerado como un dos pais da ciencia da computación e un precursor da informática moderna. Turing pasou gran parte da súa infancia na India onde o seu pai traballaba na administración colonial británica. Cun portentoso talento para as matemáticas e a lóxica, con pouco máis de quince anos estaba xa familiarizado coas teorías de Albert Einstein. Turing ingresou na Universidade de Cambridge para licenciarse en matemáticas en 1934 e concluíu o seu doutoramento na universidade estadounidense de Princeton para despois retornar como profesor a Cambridge.
En 1936, Turing publicou un artigo sobre os números computables no que desenvolve o concepto de algoritmo e expuxo as bases da súa máquina de calcular: a Máquina Universal, un enxeño que podía levar a cabo todo tipo de operacións coa mesma lóxica de cálculo que un ser humano a partir de certas bases como fixar un número finito de símbolos ou instrucións.
Co inicio da Segunda Guerra Mundial, Turing comezou a traballar en Bletchley Park como criptógrafo nunha división da intelixencia militar británica co obxectivo de descrifrar os códigos de comunicación do exército alemán. Para desvelar os códigos da máquina Enigma usada polas forzas alemanas, o equipo de Turing creou unha máquina descifradora chamada Bombe. As achegas de Turing fixeron posible a creación, en 1943, de Colossus, considerada un dos primeiros computadores dixitais. Estímase que grazas ao traballo do equipo de Turing puidose acurtar a duración da Segunda Guerra Mundial entre dous e catro anos.
De 1945 a 1948 Turing viviu en Londres, onde traballou no Laboratorio Nacional de Física no deseño da ACE (Automatic Computer Engine ou Motor de Computación Automática). En 1946 presentou un estudo que se convertería no primeiro deseño detallado dun computador automático e, en 1947, comezou a desenvolver unha serie de traballos teóricos sobre intelixencia artificial. Pouco despois, foi nomeado director do laboratorio de computación da Universidade de Mánchester, onde creou o Abbreviated Code Instruction, orixe das linguaxes de programación, e traballou no software dunha das primeiras computadoras reais, a Manchester Mark I.
Nunha publicación de 1950, Turing abriu un vizoso debate sobre se as máquinas poden pensar ou non. Para sacar conclusións sobre iso, desenvolveu o chamado test de Turing co que trataba de reafirmar a existencia da intelixencia nas máquinas. Na súa idea, se unha máquina se comporta dun modo intelixente, en consecuencia, debe ser intelixente, daí que se poida falar de intelixencia artificial desde o momento en que non saibamos distinguir entre un ser humano e unha máquina.
A creatividade extraordinaria de Turing levouno a escribir o primeiro programa de ordenador para xogar xadrez e a ser un dos pioneiros da cibernética á hora de establecer un sistema de comunicación entre as persoas e as máquinas, que despois propiciaría o nacemento da interfaz.
A carreira profesional de Turing viuse interrompida cando foi procesado por ser homosexual. Como alternativa para non ir ao cárcere, aceptou someterse a unha castración química que lle provocou graves trastornos físicos e psicolóxicos. En 1954, aos 42 anos, Alan Turing finou envelenado con cianuro. En 2013, a raíña Isabel II promulgou o edicto polo que se exoneraba a Turing dos cargos («indecencia grave e perversión sexual»). En 2106, o Parlamento británico aprobou unha lei, coñecida xa como a Lei Alan Turing, que indultou a todas aquelas persoas condenadas por ser homosexuais no Reino Unido.