Saltar a contenido
Marissa Mayer

Marissa Mayer

Unha exploradora da Rede

Wausau, Wisconsin, EEUU, 1975

Marissa Ann Mayer é enxeñeira informática e a directora executiva de Yahoo. Nos seus estudos de secundaria demostrou unha gran capacidade en matemáticas pero tamén en física, química e bioloxía, á par que salientaba como deportista e bailarina.

A media das súas cualificacións escolares permitiulle elixir carreira entre as 10 universidades máis prestixiosas de Estados Unidos e finalmente decidiu estudar medicina en Stanford coa idea de especializarse en neuroloxía. Pero concluído o seu primeiro ano académico, abandona este camiño e, despois de participar nun obradoiro de introdución á informática, comeza a cursar a carreira de Sistemas Simbólicos (que integraba disciplinas como a lingüística, a filosofía ou a psicoloxía cognitiva coa programación).

Máis tarde fixo un mestrado en Informática, especializándose en intelixencia artificial, e iniciou a súa carreira docente como profesora de programación en Stanford, que recoñecerá a calidade das súas aulas outorgándolle os premios Centennial Teaching e Forsythe.

Axiña recibiu ofertas laborais de sonadas universidades e empresas, como a consultora McKinsey & Co, pero Mayer terminou por aceptar un posto en Google, daquela unha modesta start-up que non sumaba máis de vinte traballadores. Cando lle preguntaron porque razón tomou esa decisión, Mayer respostou que sabía que «en Google ía poder traballar coas persoas máis intelixentes».

Traballadora infatigable, destacará como deseñadora e desenvolvedora de software o que lle fixo gañar peso rapidamente na estrutura directiva de Google. En 2005 foi nomeada Vicepresidenta Senior de Produto, pasando a ser a supervisora do lanzamento de todos os novos produtos e servizos da empresa.Durante os 13 anos da súa vida laboral en Google, Mayer ocupou numerosos cargos, entre eles o de enxeñeira, deseñadora, encargada de xestión de produto, directora de estratexias para os produtos de localización e xeográficos (Google Maps, Google Earth, Zagat, Street View...) e co bum dos smartphones e as tablets, responsable da adaptación dos produtos ás novas plataformas móbiles.

Diferenzas con Larry Page, director executivo de Google, animárona a aceptar en 2012 a oferta dunha empresa competidora, Yahoo, na que é actualmente presidenta e directora executiva. Desde a súa chegada, Yahoo emprendeu un intenso redeseño gráfico dos seus principais produtos e servizos: lanzouse un novo buscador máis personalizado, ampliáronse as prestacións e a capacidade de almacenaxe de Flickr, creouse un novo servizo de correo... Estas iniciativas acompañáronse cunha agresiva política de compras mediante a que Yahoo adquiriu Tumblr, unha das plataformas de blogs máis importantes, e Summly, un servizo de clasificación de contidos en liña.

En poucos anos, da man da súa exitosa carreira en Google e desde a dirección de Yahoo, Mayer fíxose cun notable prestixio como executiva nun ámbito empresarial altamente competitivo e dominado de xeito esmagador por homes. Actualmente, Mayer forma parte de consellos de administracións de grandes corporacións como os almacéns Walmart ou Jawbone, compañía dedicada a comercializar diversos produtos tecnolóxicos, e, ademais, unha das investidoras máis activas en empresas innovadoras de Silicon Valley.

A revista Fortune inclúea desde 2008 na súa listaxe anual das 50 mulleres máis poderosas nos negocios nos Estados Unidos e na das 100 mulleres máis poderosas do mundo. Ademais é unha competitiva corredora de maratóns e escaladora de alta montaña; en 2009 ocupou titulares por coroar os 5.895m do Kilimanjaro.