Saltar a contenido
Radia Perlman

Radia Perlman

A nai de Internet

Portsmouth, Virxinia, EEUU, 1951

Radia Joy Perlman fixo o seu mestrado en matemáticas e doutorouse en ciencias da computación no MIT. Creadora de software de redes e experta en seguridade, foi xefa da Oficina tecnolóxica de Sun Microsystems durante moitos anos e, na actualidade, traballa en Intel. É autora dun gran número de patentes, a maior parte delas relacionadas coa seguridade en Internet. A súa achega máis salientable á computación foi o Protocolo Spanning Tree (STP) ou protocolo da árbore de expansión, peza indispensable para as comunicacións de rede e, por extensión, para o funcionamento de Internet.

O STP é un protocolo integrado no conxunto TCP/IP que se utiliza para que os switches que teñen dúas formas de enviar un paquete a un mesmo destino non formen un bucle indefinido. A súa funcionalidade é permitir a redundancia de camiños nas redes de área local (LAN). O STP permite que os aparellos de interconexión activen ou desactiven automaticamente as ligazóns de conexión e posibilita atopar un camiño entre dous puntos dunha rede aínda cando algún router falle.

A pesar de ser un dos seus traballos máis recoñecidos, Perlman segue traballando no Proxecto TRILL (Transparent Interconnection of Lots of Links) para perfeccionalo por considerar que aínda non é o suficientemente robusto nin estable.

Outros dos centros de interese do traballo de Perlman son a procura de vías seguras e sinxelas para destruír a información de maneira definitiva a través da eliminación das claves coas que foron encriptadas, ou sistemas de mellora na autentificación de usuarios. Ademais desenvolveu un proxecto de carácter educativo (TORTIS), versión simplificada da linguaxe Logo , para facilitar a aprendizaxe da programación a nenos e nenas de 2 a 5 anos mediante o uso de botóns que xeran distintas accións.

Aínda que é sinalada como a «nai de Internet», Radia Perlman non lle agrada demasiado o título porque lle parece presuntuoso considerar que unha única persoa foi quen de inventar internet. Nas súas declaracións vai a contramán de moitos dos tópicos que acompañan aos expertos informáticos: non gosta dos ordenadores nin de dispositivos complexos, non fai uso das redes sociais nin de chats e fai tan só uso limitado dun teléfono móbil corrente e do correo electrónico. Pola contra, é amadora de tocar o piano, facer monólogos cómicos ou escribir poesía, e foi ela quen escribiu que «o protocolo STP é realmente moi simple e pode resumirse nun poema».