Saltar a contenido

Rapaciñ@s

“Rapaciñ@s: a tecnoloxía ben segura” é unha iniciativa impulsada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para achegar as tecnoloxías da información a nenas e nenos.

O programa, que comezou a súa andaina en 2015, realiza charlas informativas a cargo das colexiadas e colexiados do CPEIG e organiza obradoiros infantís sobre as tecnoloxías da información en centros escolares de toda Galicia.

A iniciativa Rapaciñ@s ten por obxectivo que nais, pais e docentes accedan a información e recursos educativos de interese para que poidan acompañar acaidamente a incorporación ás novas tecnoloxías dos seus fillos, fillas ou estudantes. Asemade, Rapaciñ@s desenvolve actuacións orientadas especificamente a nenas e nenos de todas as idades para que adquiran hábitos seguros para navegar na Rede e poidan desenvolver a súa creatividade tecnolóxica a través de obradoiros e xogos didácticos.

O programa desenvolve, así, diferentes actividades como charlas a menores —acompañadas de actividades lúdicas— sobre as novas tecnoloxías, onde expertos achegan consellos e responden dúbidas sobre o uso de Internet e as redes sociais.

Complementariamente, organízanse sesións formativas a través das ANPAS en centros escolares dirixidas a toda a comunidade educativa con charlas para pais, nais e o profesorado e actividades lúdicas para os máis pequenos orientadas a favorecer aprendizaxes colaborativas e o desenvolvemento da creatividade ao redor de aplicacións interactivas.

Outra das liñas de actuación de Rapaciñ@s é promover actividades de difusión de casos de éxito que favorezan a incorporación das mozas ás novas profesións dixitais para contribuír a desaparición da fenda de xénero existente no acceso aos estudos tecnolóxicos.

Por cabo, o programa Rapaciñ@s promove a creación de novos soportes de información, como guías-web sobre as utilidades positivas das redes sociais e Internet e mais os seus riscos achegando consellos e boas prácticas.